Botín de medallas para o ciclocrós pontevedrés no Campionato de España
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f29/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/65a50e298c-img_9914.jpg)
© Real Federación Española de Ciclismo
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2d6/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/65a50e754b-img_0231.jpg)
© Real Federación Española de Ciclismo
Grandes resultados para o ciclocrós pontevedrés e galego no Campionato de España celebrado a fin de semana na localidade arabesa de Amurrio.
Lorena Patiño (XSM de Marín) foi de novo unha das grandes protagonistas, poñendo a guinda a unha tempada espectacular na que acumulou vitorias. A marinese foi a gran dominadora da carreira júnior feminina, levando a medalla de ouro cunha demostración de autoridade, ao completar a proba en solitario e chegando a meta con 42 segundos de vantaxe sobre Aroa Otero (Supermercados Froiz), que se fixo coa medalla de prata.
"Desfruteino moito. Saín a tope, a dalo todo, e así ata o final", comentou a ciclista do XSM á Federación Galega ao termo do campionato.
Pola súa banda Irene Trabazo (XSM) conseguiu tamén subir ao podio, no seu caso na proba reina feminina, a elite, cunha terceira posición que lle valeu o bronce. Fíxoo ademais a pesar dunha caída que lle fixo perder o tren dianteiro cando rodaba na cabeza coa asturiana Lucía González (Nesta-MMR), posterior vencedora. A medalla de prata foi para Sofía Rodríguez (Nesta-MMR).
Nesa mesma carreira Laura Mira (Farto) entrou en meta no oitavo posto absoluto, pero sendo a segunda mellor sub-23 e por tanto coa recompensa dunha medalla de prata.
O botín pontevedrés agrandouno o cántabro Gonzalo Inguanzo para o Supermercados Froiz, ao darlle ao equipo pontevedrés a medalla de prata na carreira absoluta masculina, sendo só superado polo internacional Felipe Orts.