Complicado desprazamento para o Poio FS coa visita á pista do Ponte Ourense
Por Redacción
Complicada saída para o Poio FS que se despraza ata Ourense para xogar (sábado, 17:00 horas) no Pavillón dos Remedios, fronte ao Ponte Ourense, outro dos seus rivais directos, que marchan con dous puntos de vantaxe na clasificación sobre as de Marcio Santos.
No partido da primeira volta, disputado na Seca, os puntos foron para o Poio, que vencera por 3-1, polo que unha nova vitoria supoñería ademais superar ás ourensanas no parcial, e achegarse moito a esa cifra de entre 25 e 30 puntos que se consideran necesarios para garantir a permanencia.
As locais están en liña ascendente, cun equipo no que destaca a volta de Bea Seijas, xunto ás internacionais Vanesa, Marta, Rosangela e Laura Fernández, así como as brasileiras Drica e Souza, contando igualmente con novo adestrador en ÿscar Vivián, que volve ocupar o banco.
En canto ao Poio FS, o seu técnico, Marcio Santos, convocou a Carmen, Silvia (porteiras), Elena, Charo, Claudia, Kiko, Yoly, Paloma, Peke, Ceci e Mar.
As "rojillas" non estarán soas nos Remedios, xa que novamente a pena Os Miñocas organizou unha viaxe para acompañar o equipo e nas bancadas do pavillón ourensano estarán uns 60 afeccionados do Poio.