Tubo segue á marxe do grupo e convértese en dúbida para Bertamiráns
Por Diego Espiño
Protagonizou unha espectacular volta ao equipo tras a súa longa lesión, con dous goles nos dous últimos encontros que supuxeron seis puntos para o Pontevedra, pero un golpe sufrido na recta final do derbi ante o Arosa pode obrigar Tubo a descansar.
O futbolista segue sen recuperarse totalmente da doenza no mesmo xeonllo que lle afastou varios meses dos terreos de xogo, e nunha xornada marcada polo mal tempo volveu a adestrase á marxe dos seus compañeiros.
O primeiro equipo granate, a causa do temporal, realizou unha suave sesión no Multiúsos da Xunqueira, onde Manu Fernández programou un adestramento cun lixeiro traballo físico acompañado de actividades como baloncesto ou fútbol sala.
A intención é que Tubo poida entrar na dinámica do equipo no último día semanal de preparación, este venres, dependendo a súa inclusión na convocatoria das sensacións que transmita.
En todo caso o seu estado convérteo en dúbida para o choque de Bertamiráns, un partido que se perderá David Feito por sanción e tamén Luismi ao non se recuperar dos problemas que arrastra no seu xeonllo e que seguen impedíndolle adestrar co grupo.
A boa noticia para o técnico granate é o bo estado do resto de xogadores, incluídos Benja ou Pedro Cespo, que estarán a disposición de Fernández se o considera oportuno.