Derrota fronte ao Rayo Majadahonda e susto na Raña, con Patri evacuada en ambulancia
Por Diego Espiño
Derrota no deportivo pero nun segundo plano, e é que o importante no partido entre Marín Futsal e Rayo Majadahonda foi o ocorrido na última xogada do primeiro tempo, nunha acción que provocou que a gardameta local Patricia Arruti 'Patri' abandonase o pavillón da Raña en padiola e con collarín para ser evacuada ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.
Apenas restaban segundos para o descanso, con 1-2 no marcador, cando Patri saíu da súa meta para tentar cortar unha contra rival, chocando de maneira brusca coa visitante Iraia. Ambas as dúas xogadoras quedaban tendidas sobre a pista. Así estiveron durante uns angustiosos minutos ata que Iraia puido abandonar a cancha polo seu propio pé e os servizos médicos comprobaron que Patri respondía e podía ser evacuada con seguridade.
Na xogada por certo, que non se detivo, o balón quedara solto e coa meta marinense baleira, enviando o balón fóra a madrileña Marta de Diego renunciando ao 1-3 nun claro exemplo de deportividade.
O partido, que arrincara cun competido duelo de poder a poder entre dous equipos que pelexan por escapar da zona baixa da táboa, pasaba a ser o menos importante.
Antes da desagradable acción María Barcelona adiantara o Majadahonda cando non se cumpriran dous minutos de xogo aproveitando unha perda en zona comprometida de Adriana, Carolina Bravo empatara no minuto 11 tras unha xogada persoal de Débora e Marta de Diego fixera o 1-2 no 13 de novo tras un roubo en cancha contraria.
Xa cos ánimos máis acougados o xogo retomouse tras o descanso, e do mesmo xeito que no primeiro acto o Rayo Majadahonda castigaba cada erro do Marín Futsal. Así aproveitaba outro roubo en media chancha para bater a Ana Pinto e facer o 1-3 no minuto 22.
Non lograban facer dano as xogadoras adestradas por Ramiro Díaz e o tempo seguía correndo, ampliando rendas o cadro visitante a 11 do final cun penalti transformado por Paula Llorente.
Faltaba moito tempo aínda por xogarse e o técnico local probaba co xogo de cinco para ver se lograban recortar distancias. O que chegaría en cambio sería o 1-5 tras un saque de banda.
Puntuar era xa unha misión imposible, aínda que o Marín Futsal maquillou lixeiramente o resultado con goles de María Estévez e Adriana para o 3-5 final.
Consulta aquí a acta do partido entre Marín Futsal e Rayo Majadahonda.
Relacionadas:
-
O Marín Futsal refórzase coa internacional brasileira Gi Portes
Por Redacción |
-
Peche do ano con derrota en Ourense para o Marín Futsal (5-0)
Por Almu Dapena |
-
'Manita' do Poio Pescamar ao Marín Futsal no Derbi da Ría
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Un Derbi da Ría con dous equipos necesitados de puntuar
Por Redacción |
-
Ocasións sen recompensa para o Marín Futsal ante o Viaxes Amarelle (3-1)
Por Almu Dapena |
-
A Asociación de Xogadoras critica a falta de ambulancia medicalizada para atender a Patri na Raña
Por Diego Espiño |
-
O Marín Futsal dá a sorpresa en Móstoles (1-6)
Por Redacción |
-
O Marín Futsal prolonga o seu mal momento con derrota ante o Les Corts (3-6)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Set en branco do Burela ao Marín Futsal
Por Redacción |