Carlos Blanco encabeza o elenco de 'Síbaris', de Domingo Villar, que se escenifica o sábado no Auditorio de Vilagarcía
Por Redacción
O actor e humorista de Vilagarcía de Arousa Carlos Blanco regresa este sábado a súa vila co espectáculo teatral 'Síbaris', posta en escena por Con de Tres Pés, produtora que pertence ao propio intérprete.
A obra está dirixida por Lois Blanco cun elenco interpretativo no que, ademais de Carlos Blanco, figuran Belén Constenla, Oswaldo Digón e o músico Pablo Novoa.
'Síbaris' é a única creación como dramaturgo do desaparecido escritor vigués Domingo Villar, autor de 'A praia dos afogados' e coñecido polas súas novelas negras.
Trátase dunha comedia con elementos surrealistas onde se reflice a historia dun autor en plena crise creativa que é convidado a ofrecer unha lección maxistral na Universidade da Sorbona, unha situación que conclúe cun ataque de pánico. A súa muller Laura será a encargada de buscar unha solución ao bloqueo artístico.
A función está prevista para este sábado 18 de novembro ás 21.00 horas no Auditorio Municipal de Vilagarcía.
As entradas xa están á venda en Ataquilla ao prezo de 15, 12 e 10 euros, máis gastos de xestión. En caso de non esgotarse na venda anticipada, o público poderá adquirilas na billeteira do Auditorio a partir das 19.00 horas o día da función.