Mucha e Nucha, estrelas da programación de febreiro do Auditorio de Vilagarcía
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O mes de febreiro chega a Vilagarcía de Arousa con distintas ofertas de teatro galego, música e humor que se desenvolverán na programación do Auditorio Municipal.
Os alumnos do instituto Miguel Ángel González Estévez abren a programación o sábado 8 de febreiro cun concerto no que intervirán varias agrupacións formadas no centro educativo de Carril. The Bollis and The Jamis, The Raúl Varela, Experience, Forvallaina e Nosotras y él, actuarán no concerto que conta coa colaboración especial de Néboa, Shiwa e a violinista Eveling Yasmín León. A vilagarciana Andrea Fernández actuará como presentadora.
A seguinte fin de semana comeza co festival benéfico de O Noso Lar, que terá lugar o sábado 15 no Auditorio, e no que actuará o grupo vilagarcián 7 Setenta.
O domingo 16 chega en clave de humor co espectáculo de As Cantareiras de Ardebullo. Os personaxes Nucha e Mucha deixan por un día A Casa da Conexa para vir a Vilagarcía a contar as súas peculiares historias e a cantar algunhas das súas versións de temas musicais famosos.
O teatro será o protagonista da terceira fin de semana de febreiro. A compañía Abrapalabra Creacións Escénicas chega ao Auditorio con As do Peixe o venres 21 a través da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en colaboración coa Agadic e a Concellería de Cultura. As actrices galegas Susana Dans, Mónica Camaño, Casilda Alfaro e Rocío González dan vida aos personaxes desta comedia baseada na vida de catro mulleres traballadoras dunha fábrica de conservas.
O sábado 22 representarase no Auditorio a versión en inglés do exitoso musical de La Bella y la Bestia, espectáculo que trae a Vilagarcía a compañía Mundi Artistas. Trátase dunha representación familiar, recomendada para maiores de 8 anos, no que cativos e maiores poderán gozar da historia de amor de Bella e Bestia á vez que familiarizarse coa lingua de Shakespeare.
O programa de febreiro no Auditorio rematará o domingo 23 coa Gala Benéfica Solidaria organizada polo Club Olimpic Taekwondo de Vilagarcía co obxectivo de colleitar alimentos para o banco de Cáritas. Ademais dos deportistas do club, tamén participarán na demostración os campións do mundo do ano 2013 na modalidade de exhibición.