O 30 de novembro inaugurarase unha mostra antolóxica de Manuel Moldes na nova sede da súa fundación
Por Oskar Viéitez
O vindeiro 30 de noviembre abrirá as súas portas a nova sede da súa Fundación Manuel Moldes cunha exposición antolóxica do finado artista pontevedrés.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este martes as obras de acondicionamento que se están levando a cabo no edificio da Xunta na rúa Benito Corbal para acoller a nova sede da Fundación Manuel Moldes.
Trátase dunha actuación que se realiza ao abeiro dun convenio de colaboración dotado con máis de 40.000 euros que inclúe tamén a preparación da exposición inaugural con obras do artista.
"A figura de Manuel Moldes é clave para comprender e explicar a arte feita en Galicia durante as últimas décadas por iso era importante dotar á súa fundación dunha sede á altura do seu legado", declarou Román Rodríguez.
Así mesmo, o conselleiro destacou o compromiso de Moldes coa arte galega. Foi membro da Real Academia de Belas Artes, integrante do colectivo renovador Atlántica e unha peza clave "como impulsor de vocacións artísticas" desde o seu traballo como profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
A creación desta nova sede é froito dun acordo entre a Consellería de Cultura e a Fundación Manuel Moldes, creada tras o pasamento do artista, para garantir a conservación do patrimonio do artista e contribuír á divulgación do seu legado artístico. Esta colaboración inclúe a cesión dun espazo no edificio de Benito Corbal, durante un mínimo de 20 anos e un máximo de 75, que permita albergar unha das producións máis prolíficas de arte contemporánea que se conservan en Galicia.
Relacionadas:
-
Inauguran en Pontevedra a sede da Fundación Manuel Moldes
Por Redacción |
-
Abre as súas portas a Fundación Manuel Moldes cunha exposición antolóxica
Por Redacción |
-
Unha exposición amosa obras de arte saídas do contedor de lixo
Por Oskar Viéitez |
-
Catálogo da Facultade de Belas Artes para lembrar a obra do pintor pontevedrés Manuel Moldes
Por Redacción |
-
Dobre homenaxe a Manuel Moldes: exposición con obras inéditas para abrir a sala bautizada co seu nome
Por Redacción |