A maxia do universo Harry Potter desembarca en Pontevedra en formato musical
Por Redacción & Cristina Saiz
Harry Potter, unha das sagas literarias e cinematográficas máis exitosas da historia, desembarcou en Pontevedra. Fíxoo en formato musical. Todo un tributo aos personaxes de JK Rowling que encandeou ao público no auditorio de Afundación.
Ata 25 personaxes en escena e coas cancións interpretadas en directo, este musical evocou grandes momentos desta saga, partindo do regreso dos seus protagonistas Harry, Ron e Hermione, á escola de Hogwarts para seguir aprendendo maxia e feitizos.
Durante este curso, Dumbledore comunícalles que haberá unha competición entre as catro casas: Gryffindor, Slytherin, Hufflepuff e Ravenclaw.
Teñen que enfrontarse a un dragón cospe lume e baterse nun duelo de feitizos entre os capitáns das casas vencedoras. Mentres tanto, Snape segue facendo das súas; e Voldemort e os seus mortífagos preparan un terrible final para Harry.
O musical que se puido ver en Pontevedra estivo interpretado polos actores David Alcalá, Nacho Rovira, Silvia Peralta, Eva Rupérez e Rodrigo Moreno, todos eles rodeados de incribles decorados e vestiarios moi coidados.