A organización cuantifica en 1,8 millóns de euros o impacto económico do festival Revenidas
Por Oskar Viéitez
"Non podemos estar máis satisfeitos", aseguraron dende a organización do festival Revenidas logo de pechar este domingo a edición na que superou todos os seus récords.
Houbo récord de asistentes ao festival, calculan que foron 26.000 persoas; de público nun concerto, no de Ska-P; de artistas participantes nunha actuación –no concerto do 20 aniversario de Dakidarría- e, seguramente tamén, a tenor dos comentarios recibidos, o récord de satisfacción do público.
Outra mostra da dimensión que acadou está edición do Revenidas é que xerou 500 postos de traballo, entre traballadores directos e indirectos.
A falta dos datos definitivos, a organización cuantifica a primeira aproximación do impacto económico que o festival xerou en Vilagarcía e a súa comarca en 1,8 millóns de euros, a máis alta na historia do festival.
Ademáis "non houbo ningún incidente salientable, o ambiente foi extraordinario tanto no recinto como no conxunto de Vilaxoán e, a pesar das dificultades que nalgún momento nos impuxo a climatoloxía, finalmente o público puido desfrutar de todos os concertos", engadiron.
E é que, efectivamente, a actuación de Rebeliom do Inframundo que tivo que ser suspendida o venres por causa da tormenta eléctrica celebrouse a modo de peche da histórica xornada do sábado, na que a música soou ininterrupidamente no Revenidas durante 18 horas.