J. A. Angulo, escritor pontevedrés, presenta 'Ecos perdidos' no CRE da ONCE
Por Redacción
J. A. Angulo, escritor cego pontevedrés, presentaba esta semana, no Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Pontevedra, a súa primeira novela, que leva por título 'Ecos perdidos'.
Trátase dunha obra que combina a fantasía non máxica e a ciencia ficción chea de misterio e intriga con elementos de terror. A acción desenvólvese na actualidade..
A presentación levou a cabo co Club de Lectura do CRE de Pontevedra 'The Readers', que integran Lucía Álvarez Martínez, Jannette Freire Piquín e Mariña Álvarez Álvarez. Tamén asistiron estudantes do centro que actualmente están a realizar os cursos de inglés de verán.
A obra iniciouse en 2015 como un proxecto literario de creación interactiva no blogue do escritor, que ao final de cada capítulo realizaba unha enquisa para que os lectores decidisen como continuar a historia. Finalmente, pasou a converterse nun proceso creativo ao uso, ata terminar na novela que agora se presenta ao público sete anos despois.
Trátase dunha obra autopublicada que, actualmente, permanece nas tendas de Amazon e en versión eBook. Para o formato en libro electrónico, pódese adquirir como compra directa ou mediante o programa Kindle Unlimited, que permite a todos os subscritores a súa lectura íntegra de maneira gratuíta.