A pintura e escultura de Diego de Giráldez regresa ao Mosteiro de Poio... e xa van 39 veces
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/3b6/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/64b95a71d6-inauguracion-exposicion-diego-de-giraldez.jpeg)
© Concello de Poio
Como sucede cada ano desde 1984, o Mosteiro de Poio acolle de novo unha exposición da obra de Diego de Giraldez, un artista tan vencellado con este municipio pontevedrés que leva 39 anos ininterrompidos organizando unha mostra no mesmo lugar.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, inaugurou este xoves a exposición 'Catro etapas de pintura' de Diego de Giráldez no Mosteiro de Poio.
Nesta ocasión, trátase dunha mostra formada por 14 pinturas e catro esculturas que poden visitarse ata o mes de outubro no horario habitual de apertura das instalacións.
Hai 39 anos que Diego de Giráldez expón a súa obra no Mosteiro de Poio e Moldes explicou que se trata de "toda unha vida compartindo a súa arte cos nosos veciños, así que podemos consideralo xa como parte do noso concello, da nosa cultura e dos nosos artistas, porque é xa un referente para moitos de nós. E por iso estamos moi satisfeitos por contar coa súa obra un ano máis.
O alcalde lembra que Diego de Giráldez é un artista multidisciplinar e escritor, que cultivou principalmente a pintura e a escultura. É creador e único representantes do movemento NAS (Naturismo, Abstracción e Surrealismo), un estilo onde fusiona aspectos das tres tendencias.
Nesta exposición, unha das principais novidades é que inclúe unha peza dedicada á súa amizade con Dalí, baixo o título 'Dalí y Gala en mis sueños'.