O videoclip 'pontevedrés' de Eagles of Death Metal estrearase no Principal
Por Redacción
Os pontevedreses seremos os primeiros en poder ver o novo videoclip da banda estadounidense Eagles of Death Metal. Vaise a estrear a finais do verán no Teatro Principal. E será así porque unha compañía da cidade, Producciones Mutantes, está detrás da gravación.
Moitos dos seus traballos relacionados co mundo musical tiveron como protagonistas a bandas da cidade como Bala, Thee Blind Crows ou Skirl. Pero hai un tempo que recibiron un encargo do líder de Eagles of Death Metal, Jesse Hughes.
Gero Costas e Romina Doce, fundadores da produtora, explicaron que antes da pandemia o estudio fixera un videoclip dunha canción da banda, God of Thunder, "por probar e por diversión, un fanmade". Enviáronllo á banda e o mesmo Hughes contestoulles.
A partir de aí houbo un fío de comunicación no que o líder de Eagles of Death Metal amosou o seu interese en gravar un videoclip con Producciones Mutantes nalgún momento, pero a pandemia deixou o asunto en barbeito ata hai ben pouco.
Na súa volta aos escenarios, e coincidindo cunha parada na Sala Capitol de Santiago de Compostela, Hughes retomou o contacto coa produtora pontevedresa, que puxo en marcha toda a súa maquinaria para facer realidade o videoclip.
A peza gravouse en diversas localizacións de Galicia, incluíndo Pontevedra, e nela implicouse moita xente pontevedresa, como o estudio Culebra ou a Universidade de Vigo, ademais de incluír referencias a elementos do país, como a queimada e o seu embruxo.
"Jesse foi un máis do equipo durante a rodaxe e confiou en nós á hora da parte creativa", subliñou o produtor, que sostén que "o resultado é moi chulo e el quedou encantado".
Na estrea do videoclip estará presente o propio Hughes, que se ben está de xira internacional nestes momentos, amosou a súa predisposición de participar dalgún xeito na première, e, en principio, fará a súa aparición cunha videochamada que o conecte co público no Principal.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que se reuniu este martes co equipo de Producciones Mutantes, parabenizounos polo seu traballo e por volver a situar a Pontevedra como un referente creativo no mundo, "a través de xente cun talento máis que demostrado que pode competir a todos os niveis e en todos os espazos que imaxinemos".