O Coro A Xunqueira loce a prata obtida no VIII Concurso Nacional de Coros Escolares
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O coro do IES A Xunqueira I lograba a segunda posición no VIII Concurso Nacional de Coros Escolares, que se celebraba en Madrid hai apenas unha semana. Por segunda vez, esta agrupación logra ese segundo posto tras chegar en catro ocasiones á final e nunha delas facíase coa vitoria no ano 2018.
Este luns 26 de xuño realizaban o último ensaio antes do inicio das vacacións do verán e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, asistían ata a aula de música do centro para trasladar a súa felicitación aos integrantes da formación musical.
O grupo está dirixido por María Luisa Sánchez González, profesora de Música e que leva 18 anos desenvolvendo esta actividade con gran éxito tanto de participación como de calidade musical.
Durante esta mañá, o alcalde escoitou dous das pezas que o coro inclúe no seu repertorio. Lores lembrou ao alumnado a importancia do esforzo e da constancia para manter vivo calquera proxecto e destacou que todo o que aprendan poderá ser válido no futuro tanto nas súas vidas particulares como profesionais. Tamén agradeceu que representen a Pontevedra nestes certames axudando á cidade a ser referente.
Coro A Xunqueira I
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores asistía a un ensaio desta formación para felicitar os compoñentes tras obter o segundo premio no Concurso Nacional de Coros Escolares
© Mónica Patxot