RADIO.- Víchelo cantando a outros e agora Charlo xa ten o seu álbum debut
Por Redacción
'Charlo' é o título do álbum debut de Juan Pablo Charlo Rossi. Músico profesional, residente en Pontevedra desde fai máis dunha década. Chegou a España prodecente de Uruguai no último ano do século pasado cunha tolemia na cabeza: ser músico e vivir da música. Vinte e catro anos despois dedica este primeiro disco en solitario "Á miña tolemia..." que xa está dispoñible en plataformas de streaming e en formato físico.
Pasou por unha decena de bandas, chegando a telonear a Pretenders, Morcheeba ou Viva Suecia con The Soul Breakers. En 2019 quixo cambiar de clave e soar co seu propio nome. Buscou mecenas que apoiasen o seu proxecto a través de Verkami. Tiña material máis que suficiente; xunto ao produtor Patrick Petruchelli estiveron dous meses facendo unha criba entre unhas trescentas cancións, bosquexos, ideas, ata dar cos once temas que finalmente gravaron no estudo ibicenco de Petruchelli.
"Hai unha madurez que o estudo e a formación fan máis académica, pero tampouco hai que perder a naturalidade do principio. Creo que neste disco atopamos un equilibrio perfecto entre a mocidade e a madurez", explica na charla que mantemos no programa 'Cara a cara'. Un equilibrio do que sonoramente di que "non quería un disco plano. Teño influencias do rock, do jazz, da bossa nova, do flamenco, da música de Galicia...", así que 'Charlo' é unha mestura destes ritmos baixo un paraugas pop e unha choiva de vivencias dando forma ás letras.
Está xa saboreando unha emoción e agradecemento ascendentes polas reaccións que lle fan chegar tras publicar o álbum. Xunto a estas emocións segue cos pés no chan, dando as súas clases particulares de música e actuacións en directo tocando versións e á espera de dar co momento para levar 'Charlo' aos escenarios. O podcast completo con Charlo pode escoitarse na ligazón que se adxunta e descargalo tamén desde a web de PontevedraViva Radio.