O cuarteto xaponés Lotus interpreta obras de Beethoven e Schubert no Principal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Cuarteto Lotus, un dos máis prestixiosos conxuntos de corda de Xapón, será o encargado de ofrecer un novo concerto organizado pola Sociedade Filharmónica de Pontevedra.
Este cuarteto comezou a súa carreira artística en 1993, cando obtén o Primeiro Premio no Concurso Internacional de Música de Cámara en Osaka. Pouco máis tarde conseguen o Premio Menuhin en Londres, o Premio Internacional Marcello Viotti e o Paolo Borciani, este último dedicado á mellor interpretación da música contemporánea.
Actuaron nas capitais e salas de concertos máis importantes do mundo, así como os Festivais de Dresden, Lucerna, Würzburg, Ludwigsburger Festspiele, Davos, Schleswig-Holstein, Kissinger Sommer, etc. Gravaron varios CDs, con obras de Mozart, Takemitsu, Nishimura, Hosakawa, Yashiro, Miyoshi, Schumann, Beethoven, Brahms, Webern e Schubert.
No concerto que se desenvolverá no Teatro Principal deste venres 17 a partir das 20:30 horas, o Cuarteto Lotus ofrecerá un programa con dous dos cuartetos de corda máis emblemáticos de toda a historia da música de cámara, o Cuarteto número 14, op. 131, de Beethoven; e o Cuarteto número 15, D 887, de Franz Schubert.