RADIO.- O produtor musical Víctor Pazos estrea en plataformas 'Sofá tapes vol.1'
Por Redacción
Víctor Pazos é un mozo pontevedrés. Un produtor musical que se encadra nos sons urbanos. Empezou con quince anos, agora ten 23 anos: "é a música coa que me identifiquei sempre, é a que tamén escoitan os meus amigos e era máis fácil de crear para min".
Este pasado martes presentou nas plataformas musicais de streaming unha mixtape de 'lo-fi hip hop'. Presentóunola no podcast 'Cara a cara'. Titulouna 'Sofá tapes vol.1' porque a súa intención é seguir subindo máis producións periodicamente.
E, que é o 'lo-fi hip hop?, "poderíase identificar cunha música ou sons que podes poñer para estudar e á que por encima póñolle sons de rap e de hip hop", explica. A eses sons engadiulle as voces de mozos e mozas que tamén están inmersos neste xénero musical, cos que colabora e forma parte con MKP.
Estes son os máis próximos, tamén pontevedreses, pero non o únicos xa que colabora con outros colectivos como os mecos DeLaRía Squad e teno feito con outros produtores estranxeiros como o alemán LAPLACE ou o estadounidense Bonnor Bags.
A música urbana vai gañando visibilidade e adeptos nesta cidade e a súa contorna, aínda que Pazoshimself, como se fai chamar nas plataformas, deixa unha reclamación colectiva: "un pouco máis de comprensión, que deixen de vernos coma se fósemos maleantes. Só somos rapaces aos que nos gusta a música e contamos o que nos pasa todos os días, pero rapeando". Os seus ingresos tamén veñen da música, traballa desde o ano pasado como dj nun club pontevedrés.
O podcast completo pode escoitarse na ligazón que se adxunta e descargalo na web de PontevedraViva Radio.