RADIO.- O punk rock da Xeración Sónica leva nome francés: Les Poubelles
Por Redacción
O primeiro dos podcast sobre Xeración Sónica protagonízano Les Poubelles. Unha banda que integran catro adolescentes pontevedreses: Irene Martínez (baterista e voz), Andy Velázquez (guitarra), Noelia Nieto (baixo) e Sandra Cortés (teclados e voz). É o seu primeiro ano neste proxecto municipal. O seu titor é Gonzalo Maceira e encádraos como banda punk rock, non só polas súas cancións senón tamén pola actitude propia do xénero e que recolle este grupo.
Cando chegan as solicitudes para formar parte de Xeración Sónica, os formularios solicitan requisitos e inquietudes e son os segundos os que formaron Les Poubelles. Querían vivir esta experiencia e "saber tocar en grupo", así que, aínda que ningún sabía tocar instrumentos, en dous meses de traballo "xa tiñan catro cancións", comenta Maceira.
Un proxecto que cumpre este 2023 cinco anos con palpables resultados: "o que nun principio criamos que ía pasar, vemos que pasa: o efecto chamada, o beneficio que reportan as actividades artísticas e conseguir un xerme creativo que fai crecer moito a unha cidade. Xeración ten esa filosofía", apunta este monitor, un dos tres que traballan con este mozos.
Para este capítulo de Xeración Sónica interpretan o tema 'Sanvito'. Pódese escoitar o podcast completo na ligazón que se adxunta ou descargalo na web de PontevedraViva Radio.