Vórtice Escénico preestrea 'Asfixia' na Illa de Arousa
Por Redacción
Vórtice Escénico é un grupo creado neste 2023 e que esta última semana de abril inicia a súa residencia técnica no Auditorio Municipal da Illa de Arousa. Ademais, o sábado 29 de abril ás 20.30 horas preestrenarán neste escenario a peza 'Asfixia', un texto de José Luís Baños de Vos que logrou o Premio Abrente 2019 e tamén a distinción Xuventude Crea 2022.
O grupo está formado por dúas actrices e un dramaturgo, que na representación do sábado reforzaranse coa presenza dalgún colaborador máis. Todos son egresados da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e o obxectivo é establecer colaboracións con outras propostas creativas como a de 'As dúas e punto', colectivo que se encargará dos aspectos técnicos escénicos como luz e son.
'Asfixia' preséntase como unha traxicomedia, que vira ao redor da liberdade individual que permite a sociedade actual. Trátase dunha montaxe con crítica social ao modelo de vida deste século, que impide ás persoas realizar aqueles obxectivos que perseguen.
As entradas pódense adquirir no despacho de billetes durante o día da representación a un prezo de catro euros.