Castelao, protagonista da nova entrega da revista Galegos/Gallegos, presentada no Museo
Por Redacción
Castelao é o protagonista do número 19 da revista Galegos / Gallegos, cuxa presentación tivo lugar este luns no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Foi precisamente o día no que se cumpría o 86 aniversario da fundación desta institución cultural..
O acto estivo presidido por Rafael Louzán e interviñeron nel Alejandro Diéguez, editor da revista, e José Carlos Valle Pérez, coordinador do número.
Neste exemplar preséntanse sete artigos dedicados a Castelao nos que a gran maioría das obras que se comentan forman parte da colección do Museo.
Os seus autores son Xusto Beramendi, María Vitoria Carballo-Calero, José Manuel B. López Vázquez, José Manuel Castaño García, José Fuentes Alende, Xosé Ramón Fandiño e Xosé Carlos Valle Pérez que aportan diferentes visións sobre as súas facetas como artista, político galeguista, escritor ou etnógrafo.
A cuberta da revista mostra un dos tres cadros de grandes dimensións que o artista fixo en 1915 para o Hotel Balneario de Mondaríz, expostos na actualidade na primeira das salas dedicadas a Castelao no Sexto Edificio e depositados pola Real Academia Galega.