RADIO.- Un pontevedrés compositor, produtor e teclista de artistas de proxección internacional
Por Marisa Ciordia
Pianista, teclista, compositor, arreglista, produtor e tamén profesor. A música fía o día a día, por non dicir cada hora, deste pontevedrés afincado en Madrid. A anterior ocasión na que falabamos con Adrián Solla Graña foi no verán de 2019, aproveitando a súa participación no Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Daquela, xa deixou evidencia da súa prometedora proxección profesional.
Segue traballando con Marta Sánchez, o seu último sinxelo 'Contigo' foi composto por el. Outra artista internacional para a que produce é Tamara. É teclista en directos de Chenoa ou Ana Mena, coa que volverá facer xira a partir de abril. A listaxe de nomes artísticos que van sumándose ao seu quefacer inclúen caras saídas de OT, Fran Perea, Carlos Baute, Taburete, Emilio Aragón co seu proxecto 'Circlássica', entre outros tantos.
Realiza traballos como arreglista, pianista e teclista para televisión, de feito nos últimos meses apareceu en varios programas da pequena pantalla. En cinema é un imprescindible da produtora galega Kakren Films, candidatos a premios esta fin de semana nos Mestre Mateo. Tamén pon banda sonora a un inxentísimo traballo de investigación que se levou ao formato documental, que se presentará este ano e xa está a dar que falar, 'Atlantis, a cidade perdida'. O músico tamén é profesor coa súa escola en liña na que imparte clases a alumnos de diversas nacionalidades e perfís profesionais.
"Se tes a oportunidade de compoñer, producir artistas internacionais, facer xiras, ter a túa propia escola... organízasche para poder chegar a todo", comenta Adrián Solla neste podcast 'Cara a cara' que podes escoitar completo na ligazón que se adxunta e que tamén se pode descargar na web de PontevedraViva Radio.