Búscase profesional con experiencia en coordinación de proxectos culturais para dirixir Culturgal
Por Redacción
A directiva do Culturgal convida a todas aquelas persoas interesadas a que se presenten á praza para dirixir neste 2023 a Feira das Industrias Culturais, que se celebra no Pazo da Cultura entre o 1 e o 3 de decembro.
Desde a xunta directiva, que preside Víctor López, deste organismo demandan para este cargo a profesionais con experiencia en coordinación e dirección de proxectos culturais, de equipos humanos, con capacidade de interlocución no tecido artístico e cidadanía, e de cooperación con outras institucións públicas e privadas. O prazo para presentar a candidatura permanecerá aberto ata o 8 de marzo.
A intención é profundar na renovación deste evento tanto como plataforma para o sector e profesionais como espazo de festa e encontro para públicos diversos.
As persoas interesadas deberán presentar os seus currículos e unha carta de motivación na que acreditar a solvencia profesional. Unha vez seleccionada as súas funcións centraranse en definir o programa en coordinación coa xunta directiva, supervisar a produción, montaxe e equipos técnicos, xestionar os plans de axudas e patrocinios, ademais de buscar novas vías de financiamento e coordinar a estratexia de comunicación.
As bases atópanse na web de Culturgal, segundo indica a organización.
Desde a directiva agradecen tamén o traballo desenvolvido por Eva Alonso, directora da edición de 2022 de Cultural. Sinalan que, debido á dedicación que lle esixen os seus proxectos profesionais, non puido continuar na dirección do evento.