Natos y Waor, La Pegatina, Arde Bogotá, Boikot e Macaco encabezarán o SonRías Baixas 2023
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/541/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63ef7aee52-sonriasbaixas.jpg)
© SonRíasBaixas
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/91c/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63ef7ac2b9-ardebogota13.jpg)
© SonRíasBaixas
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/10a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63ef7acd87-macaco.jpg)
© SonRíasBaixas
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/8ab/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63ef7adb4e-la-pegatina-1x1.jpg)
© SonRíasBaixas
Afeitos a que este tipo de festivais vaian debullando aos poucos os seus carteis musicais, o SonRías Baixas sorprendeu ao público rachando con esa tradición. Vén de anunciar o nome de todas as bandas e artistas que actuarán en Bueu na edición do seu vinte aniversario.
Así, entre os grandes atractivos do festival, que se celebrará entre os días 3 e 5 de agosto, estarán Natos y Waor, La Pegatina, Arde Bogotá, Boikot ou Macaco.
A oferta musical volverá apostar unha vez máis polo eclecticismo, incluíndo no seu cartel rock, sons urbanos, electrónica, rumba ou ska, a través dos proxectos que impulsan máis de vinte artistas consagrados e emerxentes.
A estes cinco concertos sumaranse Cool Nenas, Dubioza Kolektiv, ETS, Grande Amore, La Ganga Calé, LaMontagne & PicoAmperio, Lendakaris Muertos, Lía Kali, María de Juan, Muyayo Rif, Ninhodelosrecaos, Queralt Lahoz, Samuraï, Santa Salut, Tremenda Pack e 30S40S50S.
A venda de entradas estará dispoñible a partir do vindeiro martes 21 de febreiro, ás 12:00 horas, en www.sonriasbaixas.info e a través de Enterticket.es.
Os primeiros 500 compradores poderán conseguir as entradas por 45 euros e a segunda oferta será para outros cincocentos asistentes, a 50 euros. O proceso incluirá a opción de engadir a zona de acampada, gratuíta e situada a tan só 150 metros da praia e do propio festival.
DETALLES DOS ARTISTAS
Ao SonRías Baixas chegarán como cabezas de cartel o dúo de rap madrileño Natos y Waor para presentar os temas do seu cuarto disco, Luna llena; ou La Pegatina, que celebra tamén como o propio festival vinte anos sobre os escenarios cun espectáculo cunha posta en escena renovada e máis enérxico que nunca.
Macaco, pola súa banda, presentará en Bueu Vuélame el corazón, o seu novo disco onde conviven músicas de raíz, da rumba á cumbia ou do folk ao tango; mentres que Arde Bogotá, unha das bandas revelación do pop-rock nacional, fará o propio co seu segundo álbum.
O punk rock urbano de Lendakaris Muertos e de Boikot, dous visitantes asiduos ao festival, volverá a soar nun SonRías Baixas, que tamén abrirá as súas portas aos ritmos techno dos 80 de Grande Amore ou ao dúo composto por LaMontagne & PicoAmperio.
Bueu acollerá os primeiros concertos en Galicia da banda vasca ETS, que defenderá en directo o seu disco Guretzat, cheo de sons latinos, reguetón, ritmos electrónicos e ata flamenco; de 30s40s50s formada por Bely Basarte, David Otero e Tato Latorre; ou de María de Juan, que fará un repaso pola copla española, arroupada con bases de pop electrónico.
Tamén haberá actuacións de La Ganga Calé, con rumba, salsa, funk ou reggae; dos cataláns Muyayo Rif e os seus ritmos urbanos; ou do grupo bosnio Dubioza Kolektiv, que mestura rave, ska e enerxía con sons balcánicos.
Entre os artistas emerxentes, o SonRías Baixas invitou este ano a Lia Kali, que presentará os temas do seu primeiro disco, unha mestura de reggae, jazz, soul e rap; ou Queraltz Lahoz, que reivindicará as súas orixes flamencas atravesadas por sons latinos, de raíz e urbanos.
Xunto a elas estarán os ecos do mellor dos anos 2000 con Samuraï; Santa Salut, co seu hip-hop con temática social, revolucionaria e feminista; ou o colectivo Tremenda Jauría, que amosará as súas cancións reggaeton, moombathon, electrocumbia e dembow.
Para que o público non pare de bailar, a fin de festa correrá a cargo de DJ Ninhodelosrecaos, alias detrás do que se esconde Rubén Sierra, cantante e guitarrista de La Pegatina, que mestura rumba, rock, ska, punk, merengue e salsa nas súas sesións; ou Cool Nenas, un trío cheo de actitude, enerxía e detrás do que están Dani, Mariagrep e Kimberly Tell.