Fina Casalderrey recibirá a homenaxe 'A Escritora na súa Terra' en 2023
Por Redacción
A autora pontevedresa Fina Casalderrey recibirá en 2023 a homenaxe 'A Escritora na súa Terra', que organiza anualmente a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O acto celebrarase en Pontevedra o próximo mes de xuño.
Esta iniciativa é xa unha tradición da asociación e tense constituído, ao longo de máis de dúas décadas, como unha celebración na que a terra de acollida da homenaxeada ten unha presenza fundamental.
É vontade da AELG, segundo indica este colectivo nun comunicado, honrar escritoras e escritores, procurando o contacto directo coa persoa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración "múltiple e popular" na que a entidade literaria recoñece insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación da árbore simbólica elixida pola propia autora e a colocación dun monólito conmemorativo.
Pontevedra volverá así a acoller esta homenaxe impulsada pola AELG, xa que en 2022 tamén foi o escenario do acto de recoñecemento ao escritor Xosé Manuel Martínez Oca.
Relacionadas:
-
Apoio do IES Sánchez Cantón a Fina Casalderrey para que obteña o premio Hans Christian Andersen
Por Redacción |
-
Un monólito renderá homenaxe á escritora Fina Casalderrey
Por Redacción |
-
Propoñen a Fina Casalderrey ao Premio Hans Christian Andersen, o 'Nobel' da literatura infantil
Por Alejandro Espiño |