O 21 de xaneiro seleccionarase ao último dos cineastas participantes no Conecta Lab
Por Redacción
O xurado de Conecta Lab, o programa que desenvolven conxuntamente a Deputación de Pontevedra e a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), seleccionou os cinco primeiros proxectos dos seis que participarán neste laboratorio de ideas para creadores audiovisuais.
Agora, a través de asesorías de guión e dirección, procúrase impulsar e acompañar o proceso de creación, escritura e desenvolvemento de longametraxes e series, un proceso que culminará coas "residencias" que terán lugar na Illa de San Simón ao longo do mes de abril de 2023.
O xurado, formado pola directora Ángeles Huerta, o director Álvaro Gago e o guionista Enrique Lojo, escolleu as obras de Iria Sobrado, Alexandre Cancelo, Nacho Ozores, Irene Pin e Lidia Fraga e Jacobo Díaz. Todos os proxectos son galegos e entre as e os seleccionados mestúrase xente novel con profesionais máis consolidados.
O sexto dos proxectos que participará neste laboratorio cultural será escollido entre o xurado e as produtoras participantes trala oitava xornada Conecta+, que terá lugar o vindeiro 21 de xaneiro no Pazo Provincial.
Durante este día porase en marcha un espazo no que creadores con proxectos audiovisuais en fase de desenvolvemento poderán entrar en contacto con produtoras, tanto galegas como do resto de España, que poidan estar interesadas en desenvolver eses proxectos, promovendo así a construción de equipos que combinen talento e capacidade de execución.
Conecta + vai dirixido a un amplo abano de profesionais do audiovisual, tanto creadores, directores e guionistas que están elaborando proxectos de cinema e televisión, como produtores profesionais especializados na posta en marcha de produtos audiovisuais, interesados en atopar novos proxectos e profesionais cos que acudir conxuntamente ao mercado. Os creadores audiovisuais que desexen participar poderán presentar os seus proxectos ata o 4 de xaneiro, e o 12 de xaneiro anunciaranse os seleccionados.