A xira de Nadal de Os Bolechas recalará o 22 e 23 de decembro en Vilagarcía e Pontevedra
Por Redacción
Os Bolechas vanse de xira no Nadal. Será co seu novo espectáculo, Os Bolechas fan unha banda, que chegará a un total de once vilas e cidades galegas entre o 22 de decembro e o 8 de xaneiro. A primeira cita será en Vilagarcía de Arousa e un día despois, o luns 23 de decembro chegarán á Pontevedra. ÿ un evento que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
"Os Bolechas, galegofalantes, son un referente para os cativos e cativas de Galicia, un modelo divertido que permite asociar a lingua galega a elementos positivos", explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa de presentación deste novo espectáculo. "Todo un valor para achegarlles a lingua propia de Galicia, o maior signo de identidade do noso pobo, ás idades máis temperás".
Argumento: Chegado o Nadal, Os Bolechas queren participar nun fermoso festival da canción pero, ao seren miúdos, téñeno difícil. Para saíren coa súa, Tatá, Carlos, Braulio, Sonia, Pili, Loli e Chispa argallarán un grande espectáculo que inclúe unha manchea das pezas que se poden atopar no novo libro-disco Os Bolechas fan unha banda. Todas elas, orixinais e creadas por dez dos grupos e intérpretes galegos -e en galego- máis coñecidos do momento.
O repertorio repasa diferentes estilos musicais, que inclúen desde a música máis tradicional de Pandeiromus ata a cumbia de O Sonoro Maxín, pasando polo punk máis divertido de Novedades Carminha, polo rock de Ataque Escampe e Sés, polo reggae de Transilvanians, polo power pop de The Homens, polo pop pausado de Eladio y los seres queridos, polo pop electrónico de Álex Casanova ou polo rap de Aid.