Cancelado o concerto que Cómplices, un referente do pop español dos 90, ía dar na Sala Karma
Por Redacción
Era unha das actuacións que máis sorprendera da programación de Sala Karma para este mes de decembro. Cómplices, o dúo musical vigués formado por Teo Cardalda e a súa parella sentimental María Monsonís, ía ofrecer este xoves 5 de decembro un concerto en acústico. Nel tiñan previsto repasar cun piano, unha guitarra acústica e algunha sorpresa máis, os grandes éxitos da súa longa e prolífica carreira musical. Pero finalmente, o concerto foi cancelado.
O concerto estaba previsto como un repaso dun xeito orixinal e espectacular ás cancións que popularizaron este peculiar dúo nos anos 90 como Es por ti, Los tejados, Ojos gitanos, Cuando duermes, Sonrisa plateada ou Serás mi cómplice. Ademais, Teo Cardalda, un dos grandes xenios da música pop española, ía arricanrse con algunha que outra sorpresa, entre elas, cancións doutros artistas cos que colaborou como Ray Heredia, Antonio Vega ou Los Secretos.
"Cuando nos plantearon hacer una gira acústica, nos dio un poco miedo, ya de por si parte de las canciones de Cómplices son muy tranquilas, pensábamos que tendríamos que regalar almohadas con la entrada", recoñecen Teo Cardalda e María Monsonís. Pero finalmente entusiasmoulles a idea. "Nos hacía mucha ilusión volver a recorrer el país de sala en sala y volver a los pequeños clubs que nos vieron nacer hace ya más de 20 años".
Por iso é polo que pensaran unha xira na que ter un contacto máis directo co seu público, "pero el concepto del grupo tenía que seguir siendo divertido, había que dar algo más que en un concierto acústico al uso". E por iso recoñecen que "entramos en el trastero y abrimos el armario de los viejos aparatos, aquellos casi inservibles cachivaches que en otros tiempos tan malos para la lírica como los actuales fueron nuestros fieles amigos", que utilizan nesta xira. Desde Sala Karma aseguran que intentarán buscar unha nova data para esta actuación en Pontevedra.
Cómplices, un dos grupos máis populares do pop español, editaron o seu primeiro traballo en 1988, aínda que a súa maior época de esplendor foi a principios da década dos 90 co lanzamento do seu terceiro traballo, La danza de la ciudad, do cal despréndese a súa canción máis representativa, Es por ti, coa que alcanzan gran recoñecemento non só en España senón en gran parte de América Latina.
Tras cinco discos máis, en 2001 María decide deixar o grupo para dedicarse a coidar dos seus cinco fillos e Teo Cardalda edita un disco en solitario, titulado Ás veces. Dous anos máis tarde, o dúo volve reunirse profesionalmente e desde entón editaron outros catro traballos discográficos. O último deles foi en 2010, 20 años cómplices, que recolle os seus grandes éxitos e no que contaron coa colaboración de Rosana, Mónica Naranjo ou El Sueño de Morfeo.