Montserrat Martí Caballé ofrecerá en outubro un concerto lírico en Cambados
Por Redacción
O domingo 9 de outubro é a data prevista para o 'Gran Concerto Lírico' que a soprano Montserrat Martí Caballé ofrecerá no Auditorio Municipal da Xuventude de Cambados. A cita será ás 19.00 horas e sobre o escenario, ademais da filla da lembrada Montserrat Caballé, atoparanse o barítono Luís Santana e o pianista Víctor Carbajo.
As entradas poderanse adquirir de maneira anticipada a vindeira semana en ataquilla.com a un prezo de 7,50 euros, segundo informa o Concello de Cambados.
O programa da xira que realiza Montserrat Martí ao longo deste ano ofrece fragmentos de ópera e zarzuela de varios compositores do nivel de Verdi, Donizetti, Rossini, Mozart ou Falla, entre outros.
Martí Caballé leva unha longa carreira sobre as táboas desde o seu debut operístico na Staatsoper de Hamburgo con 'Don Giovanni'. Foi tamén alumna de ballet de Maya Plisetskaya e esta actividade artística combinouna cos seus estudos de música e canto, participando en concertos benéficos como o realizado na catedral de Palma de Mallorca en solidariedade con Ruanda, en presenza da Raíña Sofía.
Ademais, a soprano barcelonesa tamén cantou na Gran Sala de Actos da Unesco de París, baixo a dirección de Zubin Mehta, entre outras actuacións destacadas en espazos como o Palau da Música Catalá de Barcelona; o Teatro Real de Madrid; o Teatro Maryinsky de San Petersburgo; o Gran Teatro do Liceo de Barcelona; ou o Teatro Bolshoi de Moscova.
Nas últimas tempadas representou 'La clemenza di Tito', de Mozart, no Gran Teatro do Liceo e no Palau da Música de Valencia; 'La Vierge' de Massenet ou Zerlina en 'Don Giovanni', entre outras montaxes.