Máis de 25.000 festivaleiros pasaron polo Revenidas na súa edición máis ampla e concorrida
Por Redacción
Cinco días converteron ao Revenidas 2022 na edición más ampla organizada nunca polo festival. E iso tivo o seu retorno. Máis de 25.000 persoas pasaron por Vilaxoán para participar nas actividades musicais e lecer programadas desde o mércores 7 ata o domingo 11.
A xornada máis concorrida foi a do sábado, con preto de 8.000 persoas ao longo de todo o día, que esgotaron as entradas para ver, entre outros, os concertos de bandas do talle de Tanxugueiras, Baiuca, Zoo, Ladilla Rusa ou Dakidarría.
"A aposta desta edición do Revenidas era complexa e ambiciosa pero finalmente superáronse incluso as expectativas máis optimistas", destacou o seu director, Xoán Quintáns, que cifrou en 1,2 millóns de euros o retorno económico que o festival deixou na comarca.
A xornada do domingo, xa coas portas abertas, tamén foi multitudinaria. Miles de persoas congregáronse ao mediodía para gozar da tradicional sardiñada popular. A organización dispuxo de 500 quilos de sardiñas asadas que se esgotaron en apenas hora e media.
Despois da sardiñada o público permaneceu no recinto para asistir a gala de circo e, xa pola tardiña, aos concertos de Caamaño & Ameixeiras, Sés e Ortiga, que congregaron a máis de 3.000 persoas, segundo os cálculos da organización.
Tras os dous anos de pandemia, a edición de 2022 supón a consolidación definitiva dun modelo de festival que o Revenidas quere manter de cara ao futuro.
Foi un modelo no que o protagonismo recaía nos grupos e artistas galegos, xa que más da metade dos nomes do cartel deste ano procedían de Galicia, e no que, ao mesmo tempo, teñan sempre presenza as linguas minorizadas.
O festival manterá tamén as actividades paralelas, como os concertos a bordo, o roteiro musical ou a gala de circo, que este ano tiveron tan boa acollida.
O Revenidas 2022 tamén consolidou a idoneidade da nova configuración do recinto, integrando nel o parque de Dona Cocha, o que permitiu que en todo momento, incluso nos de maior afluencia, o público se puidera mover con comodidade e dispoñer de zonas de descanso.
Os organizadores queren trasladar o seu agradecemento ao público que asistiu ao Revenidas, "pola fidelidade e pola confianza amosada ao festival" así como polo respecto co que se comportou en todo momento. Non houbo que lamentar nin un só incidente.