Mahmood atrasa ata 2023 a súa cita co público pontevedrés
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Haberá que esperar para poder ver e escoitar en directo a Mahmood en Pontevedra. O concerto que ía traer ao músico italiano ao Pazo da Cultura, previsto para o próximo 12 de novembro, foi aprazado a pedimento do propio artista.
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, explicou que Mahmood e o seu equipo "van moi atrasados" coa gravación do seu novo disco, polo que pospuxo a súa xira de concertos.
A súa actuación en Pontevedra mantense, en todo caso, pero será reprogramada.
Por agora, non hai unha data fixa para este concerto, pero segundo a responsable municipal será con total seguridade ao longo dos primeiros meses do próximo ano 2023.
Aos seus 30 anos, Mahmood é unha das grandes estrelas da nova xeración de cantautores italianos. De orixe sardo-exipcio, saltou á fama tras competir na versión italiana do talent show The X Factor, emitido en España por Telecinco.
En 2019 gañou o Festival de San Remo coa canción Soldi, coa que representou a Italia en Eurovisión. A súa segunda praza no festival europeo da canción catapultouno á fama mundial e alcanzou os primeiros postos nas listas de éxitos de toda Europa.