A programación de outono na Sede Afundación de Pontevedra inclúe danza, maxia e monólogos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Sede Afundación Pontevedra acollerá este outono unha completa oferta de propostas culturais nas que o entretemento, as propostas familiares ou a danza clásica protagonizan unha programación cuxas entradas están á venda en ataquilla.com.
O mes de setembro traerá, o 23, a IX Gala Benéfica do Día Mundial do Alzhéimer; e o 24, a Gran Gala Internacional de Ilusionismo 'Galicia Ilusiona'.
En outubro, o día 22, será a quenda da proposta escénica familiar 'Os tres porquiños'; e o 23 será a quenda do Ballet de Kiev con 'O lago dos cisnes'.
En novembro poderase volver desfrutar, do 10 ao 13, do evento 'Inventio, unha viaxe ao imposible' (Danza, ilusionismo e artes circenses), e o 18 da posta en escena dun dos clásicos da literatura infantil, 'Pinocho'.
O último mes do ano traerá os monólogos de Touriñán 'Recortes, caneos e outros xeitos de driblar', os días 10 e 11 de decembro; o Ballet Nacional Ruso de Sergei Redchenko interpretará 'O crebanoces', o día 17; para finalizar coa representación familiar de 'Carapuchiña vermella', o 18 de decembro.