Nace Sharp Avanger, o superheroe afectado pola crise e creado en Vilagarcía
Por Anxo Lourido
Que faría un superheroe se quedase sen diñeiro e vivindo na rúa? Sharp Avenger é o superheroe que nace en tempos de crise e dende as Rías Baixas. O debuxante David Buceta, de Vilagarcía de Arousa, en compañía de David Braña convertéronse en creadores e coordinadores dun proxecto orixinal que se plasmou nun tomo de 120 páxinas a toda cor, con máis de 40 autores involucrados.
A formulación considera ingredientes de crítica social, toques de humor e drama coa idea de reflectir a situación actual que vive o país a través da perspectiva deste superheroe.
Para desenvolver Sharp Avenger vive en las calles que xa se realizou de xeito completo pero cuxos autores están a buscar financiamento a través do micromecenado ou crowfounding para poder imprimilo. O seu obxectivo é lograr 6.000 euros, cantidade necesaria para poder publicalo ao longo dun mes. Todos aqueles que colaboren a través desta web terán a súa recompensa segundo a cantidade achegada, obtendo o cómic dixital, en papel ou con camisetas do protagonista.
A fórmula na que se desenvolveu este proxecto tamén resulta rechamante. Narrouse seguindo un estilo similar ao "Cadáver Exquisito", a técnica narrativa iniciada polos autores surrealistas a través da cal varios autores escribían unha obra sen ter noción do escrito polo autora anterior. Neste caso, a historia conta con continuidade porque cada autor conta unha historia da protagonista, creadas cada unha por un guionista e un debuxante distintos, proporcionando unha diversidade visual e narrativa.
Coordinado por David Buceta (Sinónimos de Lucro) e David Braña (El Arca de las Historietas), o proxecto inclúe as colaboracións de, entre outros, autores como o pontevedrés Gabriel Iglesias (colaborador de PontevedraViva); Juanjo Ryp (Clone, Frank Miller´s RoboCop, Black Summer); Brad Abraham (Mixtape, RoboCop: Prime Directives); Norberto Fernández (Golfiño, Quattrocento, Tattered Man); Paco Hernández e Jose Ángel Ares (Rosa y Javier); Jaime Collado (Johnny Caronte, Poe and Phillips) ou J.A. Rubio (EuroCorps, Renna).