O Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais busca sumar sinerxías, rachar fronteiras e unir o potencial do talento
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Dende este venres e ata mañá sábado o Pazo Provincial acolle o I Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais promovido pola Deputación e a coordinadora Proxecta, na que unha vintena de representantes de institucións, de festivais e de centros de formación están a poñersobre a mesa as potencialidades dun sector co fin de sumar sinerxías, rachar fronteiras e unir o potencial do talento a ambos lados do Miño para apostar por iniciativas comúns que permitan avanzar na súa internacionalización.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, abriu o encontro xunto a Manuel Pena, da directiva de Proxecta, puxo en valor os Rías Baixas Film Fest, a marca provincial que aglutina a 8 festivais que dinamizan o territorio "e crean un espazo onde crecer en comunidade e construír ben común".
Pola súa banda, Manuel Pena, director do FICBueu e directivo de Proxecta, avogou por esta aposta pola conexión co norte de Portugal e porque esta cita sirva para sumar sinerxías "e nos axude a crecer a todos".
Miriam Álvarez, subdirectora do Galician Freaky Film Fest destacou o feito de "que cada festival estea especializado nunha temática enriquece, potencia e dálle máis valor á provincia". Ademais, as redes de conexión que nacen entre eles fan que "cada vez haxa máis calidade porque hai xente que xa leva anos e son referencia para festivais os máis pequenos".
Teresa Berberena, codirectora do Festival de Cinema Inclusivo de Vigo afirmou que "a aposta por festivais especializados é o mellor. Non estamos competindo, somos unha rede territorial". E fixo un chamamento ás empresas para financiar encontros audiovisuais, como se fai noutras partes do Estado. Por último, referiuse ás plataformas online como "unha solución fantástica ante a piratería que acaba revertendo nas e nos creadores".
Pola súa banda, María del Carmen Ribero, do Concello do Porriño, falou do "milagre" do Festival de Cans, do seu "enorme impacto económico e social" e da busca de sinerxías entre este encontro e as administracións públicas.
Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación, referiuse á marca Rías Baixas Film Fest e lembrou que "as administración temos que ter unha maior corresponsabilidade porque somos fundamentais para manter este tecido, que é tan rico e está en eclosión".
Daniel Maciel, director executivo da Asociación Ao Norte, falou do modelo portugués no que os fondos públicos chegan principalmente da administración local, que é a que está "en primeira liña de apoio á cultura".
O Encontro continúa con máis mesas de debate e será clausurado este sábado ás 12 horas polo director do Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges, Ángel Sala, coa charla "Expediente Sitges".
Relacionadas:
-
En setembro haberá unha nova edición da Ruta das Tapas 5 Estrelas en Bueu
Por Redacción |
-
O director de Sitges participará no Encontro Luso Galaico de Festivais Audiovisuais desta fin de semana
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación acollerá o primeiro Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais
Por Oskar Viéitez |