Unha curta de Javier Veiga abrirá este sábado, fóra de concurso, o I Festival de Curtametraxes do Grove
Por Redacción
Unha curta protagonizada polo actor Javier Veiga, un dos veciños máis ilustres da localidade, será o encargado de estrear a primeira edición do Festival de Curtametraxes Concello de O Grove que se celebra este sábado. Trátase dun evento organizado pola Red de Cortometrajes, unha plataforma creada para a promoción, apoio e exhibición da curtametraxe en España. En total, proxectaranse dez producións.
O festival comezará ás 20.00 horas no novo salón de actos da Casa Consistorial de O Corgo. Farao con ¿De qué se ríen las hienas?, un traballo de 24 minutos de duración dirixido por Javier Veiga e protagonizado, entre outros, por Toni Acosta, Carlos Hipólito, Chiqui Fernández ou Millán Salcedo. Será unha proxección especial, xa que se trata dunha curtametraxe que se ofrece fóra de concurso.
O programa oficial arrinca con Curvas, de catro minutos de duración e dirixido por David Galán Galindo. Nel, Mariam Hernández dá vida a unha moza que fai autostop de madrugada nunha estrada perdida. A continuación proxectarase a curta documental L'equipe petit, de nove minutos, dirixido por Roger Gómez e Dani Resines, que conta a historia dun equipo de fútbol que nunca gañara e nin sequera lograra anotar un gol.
Palito, de tres minutos, é unha curta de animación de Néstor Fernández sobre un pauciño que está triste porque o abandonaron; nos 11 minutos de Hotel, dirixido por José Luís Alemán, o actor Pedro Lozano encarna un home exhausto que camiña polo deserto e divisa un hotel; e Náufragos, unha curta animada de tres minutos creado por Mario Rico, mostra a historia de dous náufragos separados que se dedican a lanzar botellas con mensaxes ao mar.
A recta final comezará con El rastrillo se quiere comprometer, unha produción de Santi Veiga que nos seus 14 minutos ofrece unha parábola en clave de comedia sobre o compromiso social e o amor. Logo chegarán 2OS, de tan só un minuto, dirixido por Mario Rico e protagonizado por unha moza que descobre que o seu noivo está duplicado; e Luminaris, de seis minutos, no que Juan Pablo Zaramella trasládanos a un mundo no que a luz reina e marca o ritmo da vida.
Para concluír o concurso proxectarase Desayuno con diadema, a máis longa das curtametraxes da competición. Son 18 minutos nos que Carlos Branco e Rosario Pardo dan vida a dous descoñecidos que se atopan en torno a un almorzo e un tren. Está dirixido por ÿscar Bernácer.
Será o público asistente o que decida cos seus votos o gañador do premio de 200 euros dun certame que nace con vocación de continuidade.