'Queer Cabaré: empoderando a diversidade', un obradoiro gratuíto de cabaré, performance e teatro no Centro Cultural Xaime Illa
Por Redacción
O Centro Cultural Xaime Illa Couto, na parroquia de Raxó, será escenario durante a última semana deste mes de xuño dunha actividade pioneira no municipio. Trátase de 'Queer Cabaret', un laboratorio escénico impartido por Nelson Quinteiro que ten coma obxectivo empoderar a diversidade, a través de 16 horas formativas, totalmente gratuítas, e unha mostra final, na que as persoas inscritas terán ocasión de amosar todo o aprendido durante as catro sesións que se leven a cabo ao longo do obradoiro.
A cita está organizada pola Concellería de Cultura, cuxa responsable, a nacionalista Raquel Rodríguez, explicou este venres que "esta é unha proposta aberta a toda a cidadanía, con independencia da idade, o xénero ou se contan ou non con experiencia previa".
Cabaré, performance e teatro van da man nesta iniciativa, que xa se ten desenvolto cun gran éxito noutras localidades de Galicia e do territorio español.
"Entendemos que este taller é unha fórmula axeitada á hora de conseguir romper estereotipos, ao mesmo tempo que fomentamos a creación libre e o dominio do espazo escénico", apunta Raquel Rodríguez, que tamén amosou a súa satisfacción polo feito de que esta proposta tan orixinal estea impulsada por Nelson Quinteiro, "veciño do noso concello que é un referente no eido cultural e musical galego".
Son un total de 20 as prazas que se poñen a disposición da veciñanza. As sesións impártense desde o luns 27 de xuño ao xoves 30, en horario de 9.30 a 13.30 horas. "As persoas inscritas tan só terán que levar roupa negra e axustada, maquillaxe, tacóns altos e moitas ganas de aprender e gozar desta experiencia", indicou a concelleira de Cultura.
O broche a esta actividade será o 1 de xullo, venres, nunha cita na que o alumnado terá a ocasión de amosar nunha mostra final toda a aprendizaxe acadada durante o desenvolvemento deste laboratorio de cabaré.
Relacionadas:
-
Nelson Quinteiro ofrecerá un repertorio cantareiro poliédrico na Festa da Cebola
Por Redacción |
-
Campelo acolle desde esta fin de semana actividades en favor da igualdade e o empoderamento feminino
Por Redacción |
-
As muiñeiras máis cabareteiras sorprenden ao público da Ferrería
Por Mónica Patxot & Redacción |