Volve "Unha dorna de libros, un mar de ilusións", un conxunto de actividades ao redor da lectura
Por Redacción
O BNG de Marín organiza o próximo 6 de decembro a II Edición de Unha dorna de libros, un mar de ilusións, un conxunto de actividades arredor dos libros e da lectura. A portavoz municipal, Pilar Blanco, xunto con Mónica Guimeráns, Puerto Pérez e Lucía Santos, compareceron en rolda de prensa para presentar esta nova edición que terá lugar durante todo o día no Multiusos da Praza de Abastos.
Unha dorna de libros, un mar de ilusións é unha actividade aberta aos colectivos culturais e sociais de Marín, e conta coa participación dos colexios do Carballal, Seixo, A Laxe e os IES Illa de Tambo e Chan do Monte, ademais das ANPA da Laxe, Carballal e Seixo. A Comparsa Os da Caña volven colaborar activamente como xa o fixera na anterior edición.
Todas as persoas interesadas en intercambiar libros poderán achegarse en horario de 17.00 a 19.00 á sede do BNG en Marín, na Praza da Veiguiña, entre os días 25 e 29 de novembro e 2 a 4 de decembro para deixar os seus libros usados e recoller os vales os cales poderán intercambiar por libros o día 6.
Durante a mañá do día 6, Moisés Rodríguez, xerente da Editorial Rinoceronte, ofrecerá unha conferencia sobre o xeito diferente de traballar desta empresa, especializada en publicar obras traducidas ao galego. Pola tarde, Alberte Blanco, presentará a súa novela Arcadia, un thriller áxil e ameno coas relacións internacionais e as civilizacións antigas como pano de fondo, coa que o que fora director xeral de Montes se estrea no mundo literario.
CERTAME DE MICRORELATOS
Ao igual que na edición anterior, a partir deste mércores poderanse enviar os traballos que participarán no certame de microrrelatos que, desta volta, deberán comezar coas palabras "Aquela noite de novembro o mar...". Haberá premios para catro categorías, nenos de 6 a 8 anos, de 9 a 12 anos, de 13 a 17 anos e adultos a partir de 18 anos. O prazo para presentar os relatos, que non sobrepasarán as 150 palabras, rematará o día 30 de novembro.