‘Voilà la femme’ celebrará o seu 25 aniversario con visitas guiadas e unha performance en vivo
Por Redacción
O Museo de Pontevedra vai desenvolver este mes de xuño unha intensa programación complementaria á exposición do 25 aniversario do proxecto ‘Voilà la femme’, unha iniciativa artística colectiva sobre a muller, a identidade e o xénero, da man de 25 creadoras galegas. Haberá visitas guiadas, presentarase o catálogo e realizarase unha performance en vivo.
As visitas guiadas serán todos os xoves ás 18 horas dende o 16 de xuño. Ademais, haberá outras citas guiadas extraordinarias, a primeira, este mesmo xoves 2 de xuño ás once da mañá a cargo das artistas e comisarias da exposición, Yolanda Herranz e Celeste Garrido, que farán unha introdución teórica e un percorrido comentado pola mostra.
A visita do xoves 9 de xuño será ás seis da tarde, a cargo da historiadora da arte Arancha Aguete de Pazos, que complementará a presentación das comisarias. O xoves 16 de xuño, ás 11 da mañá, guiará a visita Susana Blas Brunel, historiadora da arte, guionista do programa Metrópoles (TVE2) e comisaria independente especializada en creación audiovisual.
Por outra parte, o xoves 30 de xuño ás seis da tarde terá lugar a presentación do catálogo editado polo Museo e a Deputación de Pontevedra a cargo de Yolanda Herranz e Celeste Garrido.
O domingo 10 de xullo, ás doce do mediodía, terá lugar o acto de clausura baixo o título 'SOMOS Mujeres e ESTAMOS Aquí', unha performance en vivo da artista Yolanda Herranz.
25 ANIVERSARIO
‘Voilà la femme’ naceu en marzo de 1992 no Ateneo Santa Cecilia de Marín e creouse para reivindicar o papel das mulleres no ámbito da arte e da cultura, converténdose nun referente a nivel artístico por consolidarse como a mostra de mulleres artistas con maior traxectoria dentro do territorio español.
O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle unha selección das obras das artistas máis relevantes que participaron nas súas 25 edicións, en total máis de 200, que naceron, viven ou traballan en Galicia, moitas delas formadas ou integrantes do cadro docente da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
A mostra do 25 aniversario no Museo conta coa participación de Menchu Lamas Pérez, Yolanda Herranz Pascual, Celeste Garrido Meira, Ánxeles Iglesias Charlín, Carme Nogueira Alonso, Carmen Hermo Sánchez, Mar Vicente Souto, Sara Sapetti, Reme Remedios Fernández, Sonia Tourón Estévez, Mª Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, Ana Gil Rodríguez, Basilisa Fiestras Cachafeiro, Noemí Lorenzo Pérez, Beatriz Sieiro Caramés, Nuria Ruibal García, Itziar Ezquieta Llamas, Ofelia Cardo Cañizares, Gema López González, Isabel Alonso Vázquez, Mery Pais Domínguez, Colectivo LAG, Raquel Blanco Iglesias, Belén Diz Juncal e Tania Crego Gutiérrez.