O Náutico de San Vicente celebra 30 anos de música cunha programación oculta durante xullo e agosto
Por Redacción
Desde 1992, cando o seu actual propietario tomou as rendas do local, El Náutico de San Vicente foi converténdose en toda unha referencia da música en directo a nivel nacional.
Con esa esencia o popular local da praia da Barrosa, no Grove, presentou a que se será a súa 30 tempada musical, centrada nuns meses de verán nos que repetirá o patrón dos últimos anos.
Así, anunciando unha programación "amplísima e variada" de concertos, El Náutico non dará a coñecer previamente o nome dos artistas que actuarán durante os meses de xullo e agosto co obxectivo de conseguir "unha experiencia cómoda cun aforo non masificado, sen estresar a atmosfera do local nin á veciñanza", explica Miguel de la Cierva.
Fóra deses meses, a programación e as datas do resto de concertos xa se empezan a publicar no portal de venda (nautico.entradas.plus), desde o que se poderán adquirir as entradas.
Sen dar nomes e coa inmensa maioría dos concertos ocultos, El Náutico avanza que a súa programación estival acollerá "a presenza de grandes figuras da escena musical nacional xunto a artistas e grupos emerxentes e unha nova edición do Laboratorio N Estrella Galicia".
A maiores, este ano prevé contar cunha ampla representación de músicos galegos.
Entre os concertos que si foron xa anunciados atópanse inicialmente o de Amaro Ferreiro o 22 de maio, Los Vagos o 3 de xuño e Diego Vasallo o 6 de xuño.