Capela Antiga interpreta música sacra vocal en Cambados
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Este venres 8 de abril, a partir das 21.00 horas, a música sacra vogal de calidade terá como escenario a Igrexa Parroquial de Cambados con motivo do concerto de Capela Antiga, unha agrupación compostelá que aproveita o inicio da Semana Santa para ofrecer esta actuación.
A actuación está programada pola concellería de Cultura de Cambados baixo o título 'Mestres da Capela de Santiago: un mundo no corazón da Galiza'. Baixo a dirección de Miro Moreira ofrecerase un programa formado por unha selección de pezas pertencentes aos mestres de capela que compuxeron na Catedral de Santiago de Compostela entre os séculos XVII e XX. Autores como José de Vaquedano, Buono Chiodi, Melchor López, Ramón Palacio e Santiago Tafall.
Tamén se ofrecerán obras de compositores de tradición europea como Orlando di Lasso ou Tomás Luís de Vitoria, cuxas obras aparecen nos libros de coro composteláns e forman parte do repertorio catedralicio.
Como primicia ofrecerase a misa a oito voces de Melchor López Giménez, titulada Missa ad Piisimam María, datada en 1808, obra recuperada polo director do coro Miro Moreira ao investigar nos arquivos da basílica.
Capela Antiga é un conxunto vocal formado por unha vintena de voces que interpreta música relixiosa e profana do Medievo, Renacemento e Barroco. A Igrexa Parroquial de Cambados permitirá unha calidade acústica inmellorable para a interpretación destas obras.