O Pequeño Karma énchese de música con Rodrigo Valiente, Ángel Stanich e Art & Beauty
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Rodrigo Valiente, guitarra e cantante de Valiente Nadie, será o encargado de abrir esta semana musical no Pequeño Karma. O músico pontevedrés, antigo compoñente de Quatro de Abril, Marvel e outras bandas da cidade, ofrecerá un concerto este xoves 7 de novembro. Será unha actuación cargada de sorpresas, nas que ofrecerá a súa particular versión de clásicas cancións, interpretándoas con tal carácter que fai esquecer aos seus autores.
O sábado soará a música dos leoneses Art & Beauty. Chegan a Pontevedra con novo disco debaixo do brazo, Hot Tunes. Trátase dun grupo formado en 2010 por Nacho e Reyes, dous músicos cunha notable experiencia en bandas de rock e punk. Agora, xuntos, ofrecen un son que se move entre o punk e o blues experimental, unha proposta que os converten nunha das formacións máis interesantes da escena leonesa.
Para rematar, o domingo será a quenda de Ángel Stanich, unha das novas promesas do pop español. Escurridizo, politicamente incorrecto ou misterioso, son algúns dos diagnósticos mediáticos que xera por culpa da súa actitude e do seu único traballo, un álbum indie, Camino ácido, producido por Javier Vielba (Arizona Baby). Nel, este músico cántabro de 25 anos demostra o seu talento como guionista de sedutoras cancións.
Stanich é un músico á marxe. Aínda que algúns lle forcen parecidos a artistas como Quique González ou Albert Pla, ou a un Dylan en ácido, o certo é que estamos, seguramente, ante un dos músicos máis singulares que este país deu en anos. Non se parece a nada circundante e é dono dunha desas voces únicas que horripila ou seduce. Todo isto converteuno en apenas catro meses nun dos artistas a seguir no panorama musical español.
Os tres concertos, que comezarán todos eles ás 22.00 horas, son de entrada libre.