Ara Malikian actuará o 8 de xaneiro do Auditorio de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
O Auditorio de Vilagarcía abrirá o novo ano de forma estelar co concerto, o 8 de xaneiro, de Ara Malikian, considerado por moitos como o mellor violinista do mundo.
O armenio afincado en España dende hai anos recala na capital arousá no marco da xira The Ara Malikian World Tour e tan só unhas semanas despois de presentar o seu último disco "Arian Chocolat".
A actuación de Malikian en Vilagarcía será, sen dúbida, un dos maiores acontecementos culturais do ano, e unha ocasión case única de poder apreciar o virtuosismo deste recoñecido violinista e gozar da espectacularidade e a forza coa que sempre viste os seus concerto, nos que a música clásica e os clásicos do rock cobran vida a través das cordas do seu violín, igual que as súas propias composicións.
O concerto de Malikian no Auditorio de Vilagarcía do sábado, 8 de xaneiro, comezará ás 21.00 horas. As entradas para ver a actuación desta estrela mundial do violín véndense a 58 euros na zona A do patio de butacas, 52 na B e 48 na C (máis custes de xestión na venta anticipada).
Os billetes póñense á venta o luns, 20 de decembro a partir das 10 da mañá en ataquilla.com. De non esgotarse antes, tamén se poderán adquirir o día da actuación na billeteira do Auditorio a partir das 19 horas.
Malikian define esta xira como "o resultado de ver crecer ao meu fillo, e o resultado do meu crecemento ao seu lado. A xira componse de todos eses sons e melodías que tentan darlle forma ao que sentín e inspiroume del e da vida a través del. É un encontro co neno que non puiden ser e soñaba ser. É unha homenaxe a eses seres que son tan libres como un paxaro libre. Esta xira está chea de dinosauros, luras robóticas, máquinas do tempo, pianos voadores e mimos bilingües, este disco é iso que eu esquecera e que é tan poderoso; a Maxia de atopar cada día e cada senda fascinantes, traian o que traian".