Maika Makovski: "Á pandemia débolle ter recuperado a ilusión pola música"
Por Alejandro Espiño
Maika Makovski (Palma de Mallorca, 1983) é desde hai anos una das voces máis interesantes do panorama musical español. Con novo disco debaixo do brazo, MKMK, chega a Pontevedra para actuar o próximo 4 de decembro no ciclo As Matinés do Principal.
PontevedraViva fala con ela días antes deste esperado concerto, no que presentará en directo os temas dun álbum concibido para sorprender e axitar aos seus oíntes, un disco no que esta impredicible artista recupera as súas raíces máis roqueiras.
Volves a Galicia, coa que me consta tes unha gran conexión...
Como para non tela. É unha terra moi acolledora e a calidade de vida témola todos clarísima. Desde a primeira vez que vin, namoreime da paisaxe e do idioma. Tento aprendelo. Aínda estou a pelexar cos verbos, pero non te creas que se me dá moi mal.
Os teus últimos concertos aquí foron no Náutico (O Grove). É un sitio especial para ti?
En El Náutico pasa algo que non se se pasa en calquera outro lugar. Convértese nunha especie de campamento do rock e pasas os días que estás alí comendo súper ben, charlando de música cos compañeiros e case te esqueces que tes que facer un concerto.
E no caso de Pontevedra, darán un concerto matinal. Gústache este horario para actuar?
"Gústame moito a noite para tocar, pero o certo é que o mediodía dáche outras cousas e á xente tamén. É outra enerxía"
Non o fixen o suficiente para saber se me gusta e poder comparar. Gústame moito a noite para tocar, pero o certo é que o mediodía dáche outras cousas e á xente tamén. É outra enerxía. Ten un punto cachondo tocar ás doce da mañá.
Chegas con novo disco, editado catro anos despois do anterior. Necesitabas a paréntese?
Non foi unha paréntese, aínda que se se mide de disco a disco si que o parece. Estiven dous anos de xira co disco anterior, daquela un ano máis con The Mani-as. Á vez estaba con La hora musa, a obra de teatro con Carmen Portaceli e a banda sonora de Quien a hierro mata.
Actividade tiveches, iso é máis que evidente...
É que na miña cabeza non houbo ningunha paréntese. O único que foi unha paréntese é a pandemia. Tiña o disco listo para que saíse o ano pasado e non puido ser.
Xa que citas a pandemia, cambiouche moito a vida este período?
Polo momento quitoume o automático que tiña cos concertos, cos discos. Xa non tiña esa ilusión adolescente como creo que se ha de ter cando te dedicas a isto. Parar fíxome darme conta o importante que era para min estar en activo. E dese xeito si que me cambiou a vida. E iso é algo que teño que agradecerlle á pandemia.
Nunha das cancións do novo disco, I live in a boat, que escribiches antes da pandemia reflexionas precisamente sobre o illamento. Veslle paralelismos?
"Vivimos detrás de pantallas e relacionámonos con todo tipo de armaduras dixitais. Hai xente que se sente moi soa e iso non é pola pandemia"
Ese tipo de illamento non o querería para nada. Cando tes esa sensación de que por moita xente que haxa non estás acompañado, estás só. Eu creo que é o mal endémico dos nosos tempos. Escudámonos detrás dunha pandemia, pero esa pandemia xa estaba aquí antes. Vivimos detrás de pantallas e relacionámonos con todo tipo de armaduras dixitais. Hai xente que se sente moi soa e iso non é pola pandemia, iso xa viña de antes.
O primeiro adianto do disco, que foi a canción Reaching out to you, foi toda unha revolución pola súa sonoridade. Sorprendeuche a reacción do público?
Resúltame curioso porque ti non podes ter control do que a xente pensa de ti e si de todo o que fixeches na túa vida. Eu sei como soei sempre, pero o disco anterior era introspectivo, máis tranquilo. A xente de súpeto tiña a idea de que eu era iso. Gústame que a reacción sexa a sorpresa en todo caso, pero non foi un cambio tan grande.
Foi máis ben como unha volta ás túas raíces roqueiras, non?
Quizá si, iso é. Celebro que a xente tivese ganas diso porque un pouco de guitarreo fainos falta.
A iso axuda, sen dúbida, a marabillosa banda da que te rodeaches. Custouche atopala?
Estiven a buscalos dous anos sen dicir nin mu. Ía vendo bandas tocando en directo e íame querendo namorar. Acórdome do momento de ver a cada un e sentir ese flechazo. A Dani vírao con Melange e recordo a sensación. Ou con Sam. Con Mariana foi outra cousa porque xa tocamos xuntas. Adrián, que é da Coruña, entrou no puré como a manteiga.
Outra das cancións importantes neste álbum é Love you till I die, na que reflexionas sobre o amor incondicional. Esa é outra das claves da túa vida?
Gran parte do álbum fala de querer saír dunha situación de illamento cos demais. De sentirte como unha illa e o que queres é que haxa un terremoto e te pegue a un anaco de terra máis grande. O amor é o que consegue iso. É o antídoto para todo.
Como ese amor que redescubriches pola música, como dicías antes?
Ese amor sempre estivo aí. Quizá agora son máis consciente. Non sempre o tiven tan claro.
Nos últimos anos vimos o teu debut como presentadora en La hora musa de TVE, gustouche a experiencia?
Foi alucinante. É o que ten facer cousas novas. Tes que poñerte as pilas. Na primeira tempada tiven máis nervios porque eu non o fixera nunca e non che dan ningún tipo de adestramento. A segunda foi outra cousa. Xa conseguía durmir polas noites e gozaba todo o intre no estudio. Foi unha experiencia máis agradable.
Ademais, supoño que satisfai ver a boa acollida que tivo o programa...
"Se volven as xiras internacionais, segundo teño entendido, volve La hora musa. Oxalá"
Oxalá fosen unhas cifras para darlle nos narices aos que din que a música en directo en televisión non vende. Bastante ben foi conseguir 400.000 espectadores competindo con Gran Hermano, pero ojala fóramos moitos máis. Era necesario e máis na televisión pública. Movistar apostaba moito máis pola música en directo que TVE e iso non podería ser.
E tras o parón pola pandemia volverá La hora musa?
Se volven as xiras internacionais, segundo teño entendido, volve La hora musa. Oxalá.
Neste período de pandemia sentes que os artistas estiveron ben tratados?
Quedóusenos cara de parvos. Para chegar a un bolo tiñas que subir a un AVE cheo. Ou ías a tomar algo e vías que todo o mundo estaba como sardiñas. E ti tiñas que actuar co público sentado e con distancia. A música tivo as medidas máis estritas e o peor de todo foi a incoherencia durante todo este tempo.
Cando ademais demostrastes que a cultura era, e segue sendo, segura
Tivemos algún episodio, como todos, pero foron cousas illadas. Demostrouse que a xente se comporta, que os concertos eran case o lugar máis seguro tras quedar na casa.
Crees que aos músicos valórasevos como vos merecedes?
Nunca se nos valora. Hai xente que valora moito a música, iso é evidente. Pero a nivel gobernamental é un desastre. Lembras os que nos chamaban titiriteros? Iso sénteno todos os políticos, incluso os de esquerdas aínda que non o digan. É unha gran decepción.