O Memorial Filgueira Valverde analizará as orixes do primeiro galego
Por Redacción
O XII Memorial Filgueira Valverde, que terá lugar no Museo de Pontevedra os días 5, 6 e 7 de novembro ás 20:00 horas, dedicarase nesta ocasión á análise de tres fitos particularmente significativos na investigación da Prehistoria galega dos últimos anos: os depósitos do Cabrón en Arbo, o de Porto Maior nas Neves, e o de Cova de Eirós en Triacastela (Lugo).
Os dous primeiros teñen unha grande importancia pois subministran aos investigadores unha información esencial sobre a natureza dos primeiros poboadores de Galicia. A súa antigüidade, como é o caso de Porto Maior, con ferramentas de tipo achelense, podería aproximarse ao medio millón de anos.
No caso de Cova de Eirós, no concello lucense de Triacastela, as súas pinturas e gravados son datables no Paleolítico Superior, hai, pois, entre 25.000 e 10.000 anos.
Os tres depósitos son, na actualidade, as primeiras testemuñas da arte parietal do noroeste peninsular. As pinturas asociadas aos monumentos megalíticos son esenciais para un mellor coñecemento da visión actual do mundo simbólico e da capacidade técnica dos que os produciron hai cinco ou seis milenios.
Eduardo Méndez Quintas, do Instituto de Estudos Miñoranos, abordará o día 5 o máis antigo poboamento de Galicia, medio século despois das gándaras de budiño. Ramón Fábregas Valcarce, da Universidade de Santiago, impartirá un relatorio o día 6 baixo o título "A Cova de Eirós: os primeiros artistas de Galicia". Fernando Carrera Ramírez, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, falará o día 7 sobre "A arte neolítica. Expresións en espazos funerarios".