Todos os días, Marín cítase con Julio Santos Pena e as súas 'Historias de Milo'
Por Redacción
Milo é un neno ou mesmo unha nena calquera que viviu nos anos 50 do século XX. Ao longo de trinta relatos recóllense persoas e situacións perfectamente identificables para os "Milos" e as "Milas" daquela época. Julio Santos Pena, o xornalista de Marín, presenta así o seu libro Historias de Milo.
O autor invita tamén os máis novos a ler estes relatos para comprobar as diferenzas de como se vivía a infancia naqueles tempos e como é agora. As historias desenvólvense nunha época na que apenas había turismos nin motos e os nenos xogaban nas rúas de Marín. O libro recolle escenas dalgúns dos personaxes máis característicos da vila.
A presentación do libro no Museo Manuel Torres de Marín contou coa asistencia de decenas de persoas que abarrotaron a sala. Ante a gran acollida que tivo esta colección de relatos, Julio Santos Pena asinará exemplares todos os días a partir das 19 horas nese mesmo espazo.