Uxía e Javier Ruibal gravan no Grove un disco dedicado a Rosalía e Lorca
Por Alejandro Espiño
A artista galega Uxía e o músico andaluz Javier Ruibal uniron as súas forzas nun proxecto musical conxunto que gravaron en El Náutico de San Vicente (O Grove), un traballo dedicado a dous grandes da literatura: Rosalía de Castro e Federico García Lorca.
Unha selección de poemas de ambos os autores, aos que Uxía e Javier Ruibal poñen música e voz, integran este disco, titulado De tu casa a la mía, que se publicará despois do verán.
Para gravalo, Ruibal -gañador do Goya 2020 á mellor canción- e a cantante galega estiveron acompañados por Sérgio Tannus e Marcos Teira, cos que pasaron catro días de traballo no estudo de gravación e a residencia de El Náutico.
Os dous protagonistas explican que tiveran varias veces a ocasión de cantar xuntos e compartir escenario pero nunca ata o de agora gravaran nada.
"A experiencia está sendo extraordinariamente linda e ademais descubrimos que en Lorca hai moito de Rosalía pero que tamén, dalgún xeito, en Rosalía hai moito de Lorca", sinala Uxía.
A fin de propiciar aínda máis ese espírito de confluencia entre a cultura galega e a andaluza que simboliza este disco, Uxía e Javier Ruibal optaron por recluírse durante estes catro días no Grove "e a maxia dese espazo tamén se reflicte no disco", segundo os autores.
Ademais das cancións do disco, Uxía e Ruibal aproveitaron tamén a súa estancia en San Vicente para gravar o videoclip dun dos temas, baixo a dirección de Carlos Abal.