O cine de Pontevedra estrea "Nación", a película de Margarita Ledo sobre as mulleres da Pontesa
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Cunha sesión diaria, prevista ás oito da tarde, o cine de Pontevedra súmase á estrea comercial de Nación, a película rodada pola cineasta Margarita Ledo que narra a historia e a loita das mulleres da fábrica de cerámica que Pontesa tiña en Ponte Sampaio.
O filme, que foi premiado no recente Festival Internacional de Cinema de Sevilla, chega aos cines de toda Galicia este venres 26 de marzo e unha das súas pantallas de exhibición estarán nas salas que Cinebox ten en Vialia Pontevedra.
Nación é un traballo documental que investiga sobre as mulleres galegas na segunda metade do século XX a través da historia desta fábrica pontevedresa, que se converteu nun referente para a reivindicación dos dereitos femininos.
A película intercala imaxes de arquivo, testemuño de traballadoras reais e reconstrucións de ficción, nas que participan, entre outras actrices como Mónica Camaño, Mónica de Nut, Laura Martínez Iglesias, Xoana Pintos ou Eva Veiga.
Entre as ex traballadoras de Pontesa, Nación conta co testemuño de Nieves Pérez Lusquiños, Manuela Nóvoa Pérez, Ester García Lorenzo, Carmen Portela Lusquiños ou Carmen Álvarez Seoane.