Acrobacias en roupa interior, proposta do Principal para animar a fin de semana

Por Redacción
Os narices vermellos, as perrucas estridentes e os zapatos prominentes que, a miúdo, acompañan aos 'clowns' serán substituídos en Pontevedra por unha única peza: uns grandes calzóns brancos. É a vestimenta que vestirán os integrantes do dúo cómico belga Okidok.
Farano para presentar no Teatro Principal o seu espectáculo Slips inside, que ofrecerán este sábado 26 de marzo, ás oito da tarde.
Xavier Bouvier e Benoît Devos dan vida a Pierrot e Marcel, dous homes que teñen corpos de estrelas. Son musculosos, elegantes, multifacéticos e teñen grandes talentos.
Neles únense o mellor da acrobacia, a esencia do mimo, a beleza da danza; resumindo, a poesía bruta dos anos gloriosos do music-hall. E non dubidarán en mostralo a través dunha hora sen palabras e chea de risas.
As entradas para este espectáculo, destinado ao público adulto, están á venda a través de Ataquilla.com a un prezo de 12 euros.