A soprano Laura Alonso recupera o 'bel canto' na capital coa ópera L'elisir d'amore
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A soprano Laura Alonso encabezará o elenco da obra operística de corte cómico L'elisir d'amore, de Gaetano Donizetti, o próximo 4 de outubro no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra. Será a primeira vez que o conxunto de artistas interprete na cidade unha das obras máis recoñecidas do 'bel canto' vestidos co traxe tradicional galego de finais do século XVIII.
Baixo a dirección musical de Diego Martín Etxebarría, a representación contará coa orquestra e coro Gregorio Baudot; co tenor Juan Antonio Sanabria no papel de Nemorino; o barítono Enrique Sánchez como Belcore, Eric Mauricio Torres (baixo) representando o Doutor Dulcamara, e a soprano Ana Ochoa como Gianetta.
A organización do acto corre a cargo da compañía galega Galiópera, quen promove un proxecto de dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais para fomentar a creación e o consumo de ÿpera Lírica. O seu obxectivo é conseguir que a ópera adquira maior protagonismo na sociedade, achegándoa o máis posible ao gran público, incluído o infantil.
As entradas terán un prezo de entre 10 e 25 euros.
L'elisir d'amore é unha obra de Gaetano Donizetti estreada por primeira vez en Milán en 1832. Foi creada en apenas trece días pero convertida rapidamente en obra mestra. A soprano galega Laura Alonso Padín interpretará a protagonista feminina, Adina, por quen bebe os ventos Nemorino, un pobre campesiño a quen dá vida o tenor Juan Antonio Sanabria.