Dobre función de '32m2', traxicomedia sobre o confinamento, na Semana Santa pontevedresa

Por Redacción

© ButacaZero | Serxo Gonzalez

© ButacaZero | Serxo Gonzalez
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá os vindeiros mércores 31 de marzo e o xoves 1 de abril, en Semana Santa, unha dobre función de 32m2, unha traxicomedia sobre o confinamento da plataforma creativa ButacaZero dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas,.
Nuria Gullón e Xurxo Cortázar son protagonistas desta peza de teatro absurdo sobre o encerro da pasada primavera a raíz da pandemia da covid-19.
O proxecto de Esther F. Carrodeguas e de Xavier Castiñeira propón unha viaxe cara un pasado recente "á fin de provocar unha catarse colectiva ante un acontecemento que marcou, e marcará, a vida da sociedade".
A través de elementos cómicos e tráxicos, 32m2 pon o foco sobre a convivencia da sociedade coa precariedade e as desigualdades na súa vida cotiá a través da mirada de Mar e Xan, unha parella que se considera 'antisistema' e que habita con tranquilidade nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados ata que, de súpeto, un día confinan a toda a poboación.
Cuestións como a soidade, o abandono, as complexidades das relacións interpersoais ou o estrés e os ritmos frenéticos impostos na 'vella normalidade' serán algúns dos temas que se visualizarán nesta peza.
O espectáculo, que conta cunha banda sonora orixinal creada polo músico e axitador folclórico Rodrigo Cuevas, nace coa vontade de ofrecer unha ollada singular, reflexiva e 'sandadora' ante o confinamento.
Esther Carrodeguas e Xavier Castiñeira consideran que "todo o mundo se poderá sentir identificado coa obra", pois "todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual, todas aplaudimos puntuais ás 20 horas, e finalmente acabamos por descubrir a merda que tiñamos debaixo das propias alfombras".
Con esta peza, propoñen botar unha ollada a unha situación que marcou a vida de toda a sociedade e que a poboación poida recoñecerse en situacións absurdas que "permitan comezar a curar as feridas e render homenaxe a quen marchou ou quen deixou o mellor de si mesmos nesta distopía".
A actuación está prevista, nas dúas xornadas, para as 20.00 horas.
Relacionadas:
-
'32m2', o confinamento en versión teatral chega ao Auditorio de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Pontevedra reflexiona sobre o confinamento coa traxicomedia '32M2'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O actor pontevedrés Xurxo Cortázar volve a casa este mércores coa traxicomedia '32m2'
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Patio de butacas na avenida Montero Ríos para celebrar o Día Mundial do Teatro
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Dous espectáculos teatrais levarán o humor e a cultura ao Principal en Semana Santa
Por Redacción |