A Deputación de Pontevedra, anfitrioa do Premio Otero Pedrayo 2021
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra é neste 2021 a anfitrioa do Premio Otero Pedrayo, que as catro deputacións provinciais galegas e a administración autonómica organizan cada ano dende 1977.
O galardón, cuxas bases poden xa consultarse na web www.depo.gal, ten por obxectivo enxalzar a persoas egrexias no campo do coñecemento ou traballos que contribúan á difusión da cultura galega e dos valores propios de Galicia. Xa está aberto o prazo de presentación de candidaturas que se prolongará ata o 8 de xuño.
O actual goberno da Deputación de Pontevedra xa liderou en 2017 a organización e acto de entrega do Premio Otero Pedrayo. Precisamente, aquel ano deuse un paso histórico: co nomeamento da primeira muller galardoada.
Deste xeito, con Margarita Ledo rachouse coa ausencia feminina na longa listaxe masculina de premiados e abriuse o camiño a outras mulleres galegas que despois conseguiron o galardón, como Antía Cal e María Xosé Queizán. Son, ata o de hoxe, as tres únicas mulleres distinguidas entre os preto de 30 homes e máis de 20 entidades premiadas.
O Premio Otero Pedrayo, de carácter anual, está dotado con 16.000 euros para honrar a memoria do intelectual Otero Pedrayo a través de personalidades ou iniciativas que continúan a liña do seu legado.
Deste xeito, poderán optar ao galardón persoas nadas/residentes en Galicia ou entidades radicadas na nosa comunidade que traballen a prol da cultura galega.
O xurado encargado da súa valoración estará presidido polo presidente da Xunta de Galicia, pola presidenta da Deputación de Pontevedra como vicepresidenta e, como vogais, cos presidentes das restantes deputacións provinciais, a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, unha persoa representante de cada unha das universidades galegas, outra da Real Academia Galega, tamén do Instituto Padre Sarmiento, cinco persoas de recoñecida autoridade científica e literaria e o secretario da Deputación pontevedresa.
Relacionadas:
-
Menchu Lamas e Rosario Álvarez reciben en Pontevedra os Premios Otero Pedrayo 2021
Por Redacción |
-
O premio Otero Pedrayo galardona por primeira vez a unha muller, a xornalista Margarita Ledo
Por Redacción |
-
Neira Vilas recibe o premio Otero Pedrayo por ser un ''activista literario''
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Neira Vilas, gañador do premio Otero Pedrayo 2013
Por Redacción |