A fin do mundo a través do cinema, na Casa das Campás
Por Redacción
Hai case trinta anos, George Orwell presentáballe ao mundo a súa novela 1984, un texto no que un omnipresente Gran Irmán controlaba un a un a todos os habitantes de Londres. Esta sociedade orweliana, caracterizada por un sistema de goberno totalitario comparte, segundo moitos estudosos do cinema contemporáneo, certas semellanzas coa sociedade actual.
A través do ciclo Outros mundos, outras sociedades? Suso Novás, colaborador habitual da Vicerreitoría do campus á hora de organizar a súa programación cultural e deportiva, pretende amosar como os filmes, bebendo da literatura, "reflicten modelos de organización social de tendencia idealista ou utopista e tamén o reverso tenebroso do idealismo pola vía dos relatos antiutopistas ou distópicos".
Un férreo control do suxeito, a total ausencia de esquemas organizativos, o retorno ás estruturas primixenias ou a supervivencia post-apocalíptica son algúns dos fíos condutores das sete películas que se proxectarán durante os meses de setembro, outubro e novembro ao abeiro deste ciclo na Casa das Campás.
Tamén toman peso nesta quinta edición do ciclo de cinema "aquelas obras que propugnan emendas radicais ao propio devir da historia da humanidade convocadas pola pertinente e mordaz imaxinación dalgunhas das mellores narracións ucrónicas", explica Novás. Hipotéticas, futuristas, improbables ou simplemente fantasiosas, estas historias xiran ao redor dun mesmo eido temático "a existencia humana e a (dis)capacidade dos individuos para xestionar a súa convivencia en aras dun mellor porvir".
PROGRAMACION DO CICLO
Unha película dirixida por John Hillcoat, The Road, abrirá este ciclo de cinema este venres 20 de setembro ás 19.00 horas. Os días 4, 11 e 18 de outubro proxectaranse outras tres películas Mundo futuro de William Camerom, O Bosque de M. Night Shyamalan e Naves misteriosas de Douglas Trumbull. O 15, 22 e 29 de novembro proxectaranse as tres últimas películas: Zombies Party: unha noite de morte (Edgar Wright, 2004), The Warriors: os amos da noite (Walter Hill, 1979) e Ultimato á Terra (Robert Wise, 1951).
A oferta complétase con tres relatorios. O presidente do Consello de Redacción de Caimán Cuadernos de Cine, Xosé Manuel López, falará sobre a apocalipse o venres 27 de setembro ás 19.00 horas. A segunda quenda é para o propio coordinador do ciclo de cine Suso Novás quen, o martes 8 de outubro, se achegará aos conceptos de coñecemento e disidencia. O profesor da Universidade de Vigo Alberto Ruíz de Samaniego será o último en presentar a súa visión máis persoal sobre a película 2001: unha odisea do espazo.